31/10/17

O SAMAÍN MÁIS SAN

Este 31 de outubro celebramos coma sempre un Samaín de MEDO, pero aínda máis saboroso e san! No lugar das habituais lambonadas industriais, este ano preparamos  no colexio unhas máis chulas e moito moito máis saudables. Partindo de froita e quesiños fixemos unha terrorífica merenda de Samáin empregando moi poucas cousiñas do "quiosco" para decorar.



Deste xeito os noso alumnos puideron degustar tarántulas de kiwi:


Eirugas de uva:


Pantasmas de plátano e cabaciñas de mandarina:


Espectros de pera e un malencarado Frankenstein de uvas:



Ou os terroríficos ollos de quesiño e olivas.


En resumo, un samaín diferente, divertido e do máis saudable. Se queredes ver a galería da nosa festa, premede aquí.


20/10/17

PRESENTAMOS A NOSA MERENDA SA!

Os nosos alumnos de infantil coidan moito a súa alimentación, e están moi orgullosos de demostralo no seu mural da Merenda Sa. Aquí cada día rexistran e puntúan as súas merendas do lecer, porque ao rematar o mes todos queren ser os máis sans da clase!



16/10/17

DÍA DA ALIMENTACIÓN

O 16 de Outubro celébrase, desde 1979, o Día Mundial da Alimentación convocado pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO). No CEIP Valle-Inclán aproveitamos esta efeméride para incidir nos beneficios duns hábitos de nutrición saudables que nos leven cara a un axeitado desenvolvemento físico e intelectual.

Os nosos alumnos de infantil realizaron unhas divertidas actividades nas que salientamos a importancia dunha axeitada alimentación nas primeiras horas de cada día. Comezamos aprendendo cal é a composición dun almorzo saudable e variado para facer unha comparación co noso almorzo cotián e ver que poderiamos engadir ou cambiar.



Para rematar cada neno elaborou o seu propio menú de almorzo e xantar saudable preferido, para facer auga na boca!



Na aula de primaria as actividades xiraron arredor da importancia dunha alimentación axeitada para practicar exercicio físico (a carreira deporte escolar está preto). Os alumnos traballaron co entretido material de "Tix e Loy" da Fundación Eroski, moi adecuado para expoñer a relevancia da nutrición ante unha competición deportiva. Para rematar cubrimos (os mestres tamén!) un cuestionario de hábitos saudables para coñecer mellor e poder mellorar as nosas costumes.



15/10/17

COMEZAMOS

Neste curso 2017-18 o CEIP Valle-Inclán comeza a súa andadura no Plan Proxecta "Aliméntate Ben". Ao longo do mesmo os nosos alumnos coñecerán os beneficios dos hábitos de alimentación e vida saudables, aprenderán moitas cousas sobre a orixe e elaboración dos alimentos, e descubrirán novos e deliciosos sabores, imos aló!

A CASA DO PATRÓN

O mércores 20 de xuño fixemos a moi agardada excursión de fin de curso á Casa do Patrón, un magnífico museo etnográfico moi preto de Lalín ...