13/12/17

SILUETAS SAUDABLES

O mércores 13 de decembro os alumnos de infantil elaboraron mural diferente e do máis saudable! Primeiro debuxamos e recortamos todas as nosas siluetas para pegalas nunha divertida parede do noso corredor, e deseguido volvemos coller a tesoira e recortamos un montón de alimentos de todos os tipos e para todos os gustos.




Aquí chega a difícil decisión: escoller entre todas esta "despensa" con cales queremos encher o noso "bandullo", sempre mirando ben cales son os alimentos máis importantes e sans e cales podemos consumir máis ou menos a miúdo.







Dende logo os nosos alumnos teñen uns gustos do máis san e variado!


Se queredes ver a galería das nosas siluetas saudables, premede aquí.



1/12/17

GAÑAMOS PREMIOS!

O venres 1 de decembro recibimos con gran alegría os diplomas dos nosos alumnos premiados no concurso de debuxo "Turismo Sostenible para el Desarrollo" da Deputación de Pontevedra. Os nosos artistas expresaron nas súas obras a súa experiencia persoal inmersa no saudable modo de vida do rural ourensán. 





Unha granxa onde os animais son criados no campo e alimentados naturalmente ou o tradicional muíño fluvial para moer o gran da nosa terra e facer pan artesán reflicten un estilo de vida que merece ser coñecido promovendo un turismo de calidade, onde aos encantos da paisaxe do Xurés unimos os produtos de inmellorable calidade que nos achega a horta e a gandería desta comarca.




28/11/17

DEPORTE ESCOLAR EN MUÍÑOS

Xa chegou o día da gran carreira! O martes 28 de novembro os atletas de CEIP Valle-Inclán competiron, xunto a moitos outros colexios da provincia, na carreira de Deporte Escolar celebrada como cada ano no noso concello, nas pistas do miradoiro do Corgo.



Os nosos alumnos, como ben aprenderon con "Tix e Loy", tomaron unha sa e nutritiva merenda antes de afrontar o percorrido da proba nesta fresca e luminosa mañá. Os nosos corredores deron o máximo en esforzo e deportividade.




Mentres, no colexio os máis pequenos non quixeron ser menos que os maiores e organizaron a súa propia carreira de obstáculos na aula de psicomotricidade, unha competición do máis divertida!






Se queredes ver como pasamos un día do máis deportivo, premede aquí.

24/11/17

XOGAMOS Á OCA MEDITERRÁNEA

O venres 24 de novembro na clase de infantil botamos unha partidiña á "Oca Mediterránea", un divertido xogo onde os máis pequenos puxeron en práctica o que van aprendendo sobre os distintos alimentos e as recomendacións sobre o seu consumo.


Unha última clase de venres do máis entretida e relaxada.






QUINCENA DA FROITA NA ESCOLA

E por fin chega a quincena da froita! Grazas ao plan de "Froita na Escola", todos os días durante dúas semanas (do 13 ao 24 de novembro) imos gozar dunha deliciosa merenda de froita fresca antes de saír ao lecer para ter moita moita enerxía saudable.

Comezamos degustando saborosos plátanos...


Seguimos coa deliciosa granada...




Tamén tivemos ricas mandarinas...




E probamos o caqui, unha froita que tivo un enorme éxito entre os máis cativos.




E as peles das froitas sempre ao contedor verde, por suposto!




Se queredes ver a galería da nosa quincena das froitas, premede aquí.



17/11/17

TRABALLANDO POR UNHA MOCIDADE SAUDABLE

O venres 17 de novembro estivo connosco Puri, do Departamento Territorial de Sanidade de Ourense para dar unha interesante e entretida charla sobre nutrición e hábitos saudables. Nela aprendemos, maiores e pequenos, moitas cousas sobre os alimentos e os seus nutrientes, que nos achega cada un e cales debemos evitar ou consumir a miúdo, ou cales son os beneficios da actividade física e os riscos do sedentarismo, todo dunha maneira amena e práctica.




Para rematar, puxemos os nosos novos coñecementos en común e elaboramos os nosos propios menús saudables. Ata pronto Puri!




Se queredes ver a galería desta estupenda experiencia, premede aquí.



10/11/17

UN MAGOSTO DIFERENTE E SABOROSO

O magosto é unha das festas tradicionais máis esperadas no noso colexio. Estamos no corazón da Baixa Limia e nos nosos bosques abundan os castiñeiros que cada outono nos regalan unhas castañas estupendas. Este ano decidimos preparar unha degustación das preparacións de castaña menos comúns para os nosos alumnos, porque este saboroso e san froito é todo un todoterreo da cociña e descubrir novos sabores e texturas sempre é positivo.

Na nosa mesa de degustación tiñamos castañas crúas, cocidas, confitadas, un sorprendente pan de castañas e un delicioso puré de castañas con canela elaborado polas profes.



Os nosos alumnos gozaron moito descubrindo estes novos sabores e alucinaron coas "castañas de caramelo" de marrón glacé e co descoñecido pan de castaña.







E ao rematar o magosto non podían faltar por suposto as tradicionais e deliciosas castañas asadas, auténticas estrelas desta festa.




Se queredes ver a galería do noso magosto, premede aquí.


9/11/17

HOXE FACEMOS BATIDOS!

O xoves 9 de novembro fixemos batidos de froita no cole! Quixemos ter unha merenda diferente e antes do lecer preparamos na aula de infantil todo o necesario para experimentar con diversas e nutritivas combinacións. E ademáis aproveitamos para introducir a granada, un sabor que moitos nenos non coñecen e que terá protagonismo na vindeira quincena da froita.


Os propios nenos prepararon, o primeiro de todo, as froitas para poder elaborar ao momento as súas combinacións. Podemos ver que xa son todos uns artistas pelando, cortando e espremendo.




E chega a primeira combinación: plátano, pera, uns grans de granada...


Un pouquiño de zume de laranxa e xa case está listo...


E os nosos catadores profesionais dan o seu visto e prace.


Imos combinar máis: mandarina, kiwi, uvas...


Un pouquiño de leite...


Delicioso!


E poderiamos estar así toda a mañá, pero vai tocar o timbre e é hora de saír ao patio con toda a enerxía dos nosos superbatidos supersaudables de froitas, ata pronto!


Se queredes ver a galería dos nosos superbatidos, premede aquí.



A CASA DO PATRÓN

O mércores 20 de xuño fixemos a moi agardada excursión de fin de curso á Casa do Patrón, un magnífico museo etnográfico moi preto de Lalín ...